Martes, 2/2/2010
Durante o primeiro mes de 2010 achegáronse ao faro romano preto de 3.600 persoas, fronte ás 1.900 rexistradas no mesmo período do ano pasado
A Torre de Hércules inicia o ano duplicando as visitas con respecto a 2009
A Torre de Hércules foi durante o ano 2009 a gran protagonista das actuacións de promoción que se desenvolveron dende Turismo da Coruña. Un esforzo que se está vendo recompensmdo polo paulatino incremento de visitas rexistrado dende a súa designación como Patrimonio da Humanidade, que culminou no pasado mes de xaneiro duplicando o número de visitas con respecto ao mesmo período de 2009, cun total de 3.565 visitantes fronte aos 1.882 do pasado ano. As datas nas que se achegaron máis persoas a coñecer o faro romano foron o sábado 2 de xaneiro, con 363 visitas, seguido do sábado 30, con 439 visitas, nunha lista que se completa cos días 4 (luns) e 31 (domingo), con arredor de 330 persoas.
O primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, mostrou a súa satisfacción polos bos resultados rexistrados neste mes de xaneiro, nos que se bateu a marca de visitantes, o que significa un excelente arranque dun ano tan importante como é o Xacobeo, o primeiro no que a Torre de Hércules pode lucir a súa distinción como Patrimonio da Humanidade. Tamén destacou que estes datos son o froito dunha intensa campaña de promoción impulsada pola Concellaría de Turismo e multitude de proxectos e actuacións realizadas na Torre de Hércules e a súa contorna, que continuarán durante este ano. Entre eles figuran os proxectos de avance á atención ao visitante, renovación completa da iluminación, inclusión de soportes tecnolóxicos, novos sistemas de saneamento, musealización ou tratamento directo da pedra. O investimento previsto este ano para realizar todas estas actuacións supera os 500.000 euros.
Programa para escolares
Ademais, Turismo da Coruña segue emprendendo accións de divulgación dos aspectos artísticos, patrimoniais e históricos non só entre os visitantes que se achegan á cidade, senón tamén entre diversos colectivos entre os que ocupa un lugar destacado o dos escolares. Nesta liña inscríbese o programa O Vagalume da Torre que se puxo en marcha no mes de xaneiro con moito éxito entre a comunidade educativa. Utilizando a maxia como fío condutor e ao monologuista Rober Bodegas como mestre de cerimonias, nunha atractiva presentación na que Bodegas fai desaparecer a torre, este programa de actividades trata de achegar o faro romano aos nenos de educación infantil e primaria de todos os centros públicos da Coruña.
Entre as actividades que inclúe o programa figuran un taller de pintura artística a cargo de Raúl Velloso, a participación no blog O Vagalume da Torre, talleres de chapeus e lendas. Ademais, durante este mes de febreiro organizaranse visitas dramatizadas á Torre de Hércules, nas que participarán numerosos centros da cidade.